domingo, 19 de novembro de 2017

CONFERENCIA DE SERAFÍN GONZÁLEZ (CSIC-SGHN) SOBRE OS LUMES

O venres 17 novembro de 2017 visitou o noso IES Castro de Baronceli o investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González Prieto, para impartir unha conferencia e posterior coloquio sobre a problemática dos incendios forestais, as súas causas, consecuencias e posibles actuacións.

A amable dispoñibilidade de Serafín visitado o noso centro brindounos unha ocasión privilexiada para ilustrarnos sobre este dramático problema, por parte de quen é investigador especializado en solos e divulgador científico, con máis de 60 artigos científicos publicados (23 deles centrados nos incendios forestais) así coma colaboracións en varias revistas e libros. Dende aquí o noso agradecemento pola oportunidade de escoitalo no centro, e tamén pola súa claridade e convicción, expoñendo un tema tan complexo dende unha posición científica obxectiva e coherente; posición que implica en moitos aspectos desmentir certas mensaxes que intoxican os medios de comunicación, e, consecuencia imprescindible, denunciar aquelas accións e estruturas que dende as administracións públicas e outras entidades non se dirixen á raíz dos problemas aos que se debería buscar solucións.


Sen pretender resumir nesta entrada toda a interesante conferencia e posterior coloquio, deixamos a continuación algunhas frases e ideas expostas por Serafín sobre os lumes na nosa terra:
  • "O noso monte non arde porque sexa ou conteña moito “combustible”. Arde porque alguén lle prende lume"
  • O 90%  dos lumes forestais son intencionados. Pero só o 0,1-0,2% da poboación os provoca.
  • Non é certo que haxa organización terrorista incendiaria. Dicilo é rotundamente falso, e só serve para “botar balóns fora” e eludir responsabilidades.

  • Cantos máis lumes, máis CO2; a máis CO2, máis cambio climático, o que conleva máis vagas de calor e menos precipitacións; esto facilitará máis vagas de lumes.


  • "Non todas as árbores arden por igual..." Nas peores condicións (maior facilidade para a propagación), o lume nos piñeiros exténdese un 20% máis rápido que nos carballos; no caso dos eucaliptos, un 50% máis rápido que nos carballos (nas mesmas condicións).
  • O fume dos incendios nós só é tóxico para os pulmóns pola entrada de gases e partículas tóxicas. Detectouse aumento na concentración de substancias canceríxenas no corpo dos brigadistas despois dunhas horas de traballo na extinción, que terían sido absorbidas a través da pel.
  • Os produtos retardantes  -polifosfatos amónicos- engadidos en ocasións para a extinción (dan cor vermella á auga botada) provocan nas áreas onde se utilizaron, pasado o tempo, importantes perxuízos (elevan moito os niveis de N e P no solo): entre outros, xenera un maior crecemento inicialmente das árbores, pero unha masiva morte temperá despois delas (as súas raíces medraron moi pouco) dificultando a reforestación desas áreas.
  • O solo é a base dos ecosistemas terrestres (flora, fauna, descompoñedores..,.). A súa perda tralos incendios,  debido ao arrastre do solo queimado nas pendentes pola auga de chuvia, é unha consecuencia gravísima e en non poucos casos irreversible.
  • Se na época dos Romanos se perderan 10 cm de solo, necesitaríamos todos os séculos que pasaron dende entón ata hoxe en día para que dito solo se rexenerase. Nos incendios quéimanse (e posteriormente son arrastrados) capas de solo de varios centímetros de espesor.

  • O solo cumpre tamén unha importante función retendo auga. No incendio de Camba onde se queimaron 1700 hectáreas, 4 anos despois, o solo retiña un 60% menos de auga, que son 18 litros de auga menos retidos por cada m2: en total, 306 millóns de litros de auga menos retidos polo solo só nesa área.
  • Cando o solo retén menos auga, aumentan as riadas na época de chuvias, e aumentan as secas nas épocas de maior calor e menores precipitacións.
  • Non é ético nin responsable permitir a caza nas zonas que non arderon, cando nesas zonas intenta refuxiarse parte da fauna que conseguiu salvarse fuxindo das zonas queimadas. Esta fauna posibilitará nun futuro a repoboación das zonas queimadas de onde fuxiron.
  • No gran incendio de Cualedro en 2015 queimáronse 3.180 hectáreas (equivalente a dúas veces a cidade de Vigo). O custo da súa extinción foi de entre 50.000 e 80.000 euros por cada hora de actuación.
  • O gasto en extinción de lumes en Galicia é de 170 millóns de euros por ano (uns 60 euros por habitante!).
  • É inconcibible a falta de inversión pública en campañas de concienciación contra o lume. As inversións -multimillonarias- céntranse só na extinción.
  • "Cada un de nós e vós pode e debe actuar. Ide e contade, nas vosas casas e vilas, todo esto que estamos falando"

Incluímos algúns enlaces de especial interés que Serafín nos convidou a visitar:
  • Fragmento de reportaxe na TVG con Serafín explicando diferentes graos de severidade do lume en diferentes zonas queimadas.
  • Excelente vídeo explicativo (breve e moi logrado) sobre a importancia do solo.
  • Intesante cómic que explica de forma moi amena o valor do noso solo.
  • En clave de humor, este pequeno episodio da miniserie da TVG "Era visto!" ("Arde sobre queimado": a partir do minuto 19 do vídeo) na que o guionista hábilmente incluiu -ca nosa característica retranca- varios aspectos da concienciación sobre os lumes no entorno dos protagonistas.
Mil grazas Serafín pola túa presencia no noso centro e pola túa verbas precisas e clarificadoras. Lembramos a parte final coa que remataches: cada un de nós pode e debe actuar... DIFUNDÁMOLO


Ningún comentario:

Publicar un comentario