luns, 10 de xullo de 2017

X ROMARÍA DAS LETRAS GALEGAS no IES Castro de Baronceli

O luns 22 de maio celebramos no centro a tradicional Romaría das Letras Galegas, e imos xa pola X edición!! Ao longo da xornada compartimos unha serie de actividades diferentes que fixeron desta unha data moi sinalada, coa participación de toda a comunidade educativa do instituto.


Como contamos na anterior entrada do blog, este ano inaguramos a Aula Pedro Armestre, en homenaxe á súa carreira no mundo do fotoperiodismo e á súa implicación en múltiples causas sociais e ambientais. Recomendamos de novo esta presentación que vimos momentos antes de inagurar a aula; nela intentamos expoñer (sen extendernos moito, o cal non é doado dada a súa traxectoria) algúns trazos da súa biografía, obra e causas nas que colabora. A presentación enlaza con dous vídeos: o primeiro, abraiante, deu a volta ao mundo en cuestión de horas... Pedro tomaba imaxes a varios metros do pianista Einaudi, en pleno glaciar; o segundo vídeo é un regalo que nos fixo Pedro...desfrutádeos (recomendamos descargar primeiro a presentación para vela completa, con música e enlaces).


A continuación tivo lugar o gran festival cas actuacións que os/as alumnos/as levávades tempo preparando. Tivemos a oportunidade de desfrutar ca interpretación adaptada da obra de teatro "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas" de Carlos Casares (a quen se adica o Día das Letras Galegas neste 2017) polos alumnos de 4º, e dun bo número de interpretacións musicais a cargo dos diferentes grupos e clases, obras preparadas e ensaiadas nas clases de Música. Noraboa polo voso bo facer!!


Durante o festival tivo lugar tamén a entrega de premios de varios dos concursos celebrados no centro ao longo das últimas semanas e meses: concurso de disfraces do Entroido, marcapáxinas da Biblioteca, cartel anunciador da X Romaría, foto-poemas, cartel para o concurso de cubo "Rubik" e mención aos premiados/as dos certames literarios do concello de Verín (teñen unha entrada específica posterior neste blog incluíndo as obras premiadas). Noraboa a todos/as os premiados/as e participantes!!


A continuación, compartimos o xa tradicional xantar popular na zona exterior cuberta, onde alternamos conversas e risas ca empanada, churrasco, polbo... Na sobremesa decidiuse (tras unha saborosa e nada doada comparación) a gañadora no tamén tradicional concurso de larpeiradas da Romaría, noraboa a Marta Diéguez (1ºA) pola súa receita e rica larpeirada!


Ambientamos a sobremesa non só con xeado e doces...a canteira de música tradicional do noso Baronceli tirou de repertorio galego para amenizar cunhas cantas pezas. Que non falte a música tradicional nas nosas festas!!


Como novidade nesta X Romaría, trala sobremesa celebrouse o I Concurso de Cubo "Rubik" organizado polo Departamento de Matemáticas, cunha gran expectación dado o adestramento practicado ao longo de todo o curso. Nas semanas previas houbo un certame de carteis para anunciar o concurso, e o cartel gañador foi o elaborado por Sheila Prieto (2ºB), que resultou tamén ser a gañadora do concurso de cubo! Unha boa demostración de que a habilidade, a constancia e as estratexias matemáticas poden ser do máis entretidas e sorprendentes, parabéns pola iniciativa! Noraboa a Sheila e a tod@s os participantes e organizadores!!

(neste enlace podedes acceder a algúns vídeos e fotos do I Concurso de Cubo "Rubik")

E para rematar a Romaría, os/as máis valentes desafiaron o intenso calor da tarde enredando con varios xogos populares: ra, chave, aros, tiro de corda, zancos, carreiras de sacos... Non esquezamos que non se necesitan grandes medios nin inversións para compartir un anaco de tempo agradable desfrutando das cousas sinxelas de sempre.


No seguinte enlace tedes acceso a moitas máis fotos da X Romaría das Letras Galegas. Grazas aos profes de Tecnoloxía e E.Plástica, Manuel e Marta, pola vosas fotos da xornada. Grazas a tod@s os que formades parte da comunidade educativa do noso Baronceli, por seguir facendo posible unha Romaría das Letras de tod@s e para tod@s!


Ningún comentario:

Publicar un comentario