domingo, 19 de marzo de 2017

JORGE MIRA: PRESENTACIÓN DO SEU NOVO LIBRO

O 10 de febreiro, por convite no noso veciño IES García Barbón, os alumnos/as de 3º e 4º ESO asistiron á conferencia do físico, investigador e divulgador científico Jorge Mira. Nela, entre outros temas, presentou o seu segundo libro "A que altura está o ceo?" publicado por Alvarellos Editora no 2016 (o primeiro, de gran divulgación, foi "A Ciencia no punto de Mira" publicado en 2011 por Editorial Auga). O autor do libro levounos a unha interesantísima viaxe pola curiosidade humana sobre o Universo, percorrendo dende a Grecia clásica ata as máis recentes teorías científicas sobre as consecuencias do Big Bang ou a materia escura (definida por Jorge Mira coma o descubrimento humano do milenio...!).
Entre outros moitísimos méritos, queremos destacar e felicitar a Jorge Mira por seguir a facer e divulgar a ciencia en galego.
Parabéns a Jorge Mira pola estupenda conferencia e polo libro, e grazas ao instituto García Barbón por convidarnos a asistir.




XUBILACIÓN DE XOSÉ MANUEL

En decembro do pasado 2016 comezou a desfrutar da súa merecida xubilación o noso compañeiro Xosé Manuel. Despois de máis de 40 anos nas aulas, compartindo moito máis que coñecementos con moitísimas xeracións de alumnos/as (algúns desos antigos/as alumnos/as hoxe teñen fillos/as que foron á súa vez alumnos/as de Xosé Manuel), desexámoslle agora moitos anos de satisfaccións. A "despedida" -só das aulas, que non do compañeiro e amigo- feita por iniciativa dos/as alumnos/as en decembro, foi tan emotiva como inesquecible. Todo o agradecemento mostrado polos seus alumnos/as é a mellor mostra dos froitos da súa adicación e bo facer ao longo de tantos anos. Desfruta moito da túa nova etapa Xosé Manuel PARABÉNS!!