venres, 22 de decembro de 2017

PEDRO ARMESTRE NO BARONCELI: "NUNCA DEIXEDES DE SOÑAR"

En maio deste 2017, na Romaría das Letras Galegas, inaguramos un aula co nome de Pedro Armestre. Naquelas datas él estaba recuperándose dunha infección contraída en Vanuatu (illas do Pacífico), e prometeu que nos visitaría en canto lle fose posible. Esa visita fíxose realidade o martes 5 de decembro.


Esta é xa unha data moi especial no instituto Castro de Baronceli. Unha desas experiencias que os nosos alumnos/as lembrarán cos anos, e en moitos dos que o escoitamos quedará sementada unha valiosa inquedanza: imaxinar aquelo que desexamos e loitar con determinación para facelo realidade. "Pídovos un favor: nunca deixedes de soñar”... así  despedíase Pedro dos nosos alumnos/as. Un bo título para o conxunto de relatos e experiencias que compartiu con todos nós, nesas dúas horas que se fixeron curtas e inesquecibles.

A través das súas historias viaxamos a Centroamérica, adentrámonos pola selva ata unha fervenza segreda en Guatemala (sempre co permiso das abellas...), compartimos unha experiencia sagrada cos indíxenas que veneran e respetan ó seu río e á natureza na que viven, asombrámonos ca xenerosidade e espíritu de comunidade de pobos e culturas con moitos menos recursos materiais ca nós (pero enormemente ricos en calidade humana...), coñecimos a penosa situación de sufrimento de familias refuxiadas, fuximos con él monte abaixo escapando da policía segreda marroquí (que endurece aínda máis as condicións de vida dos inmigrantes que pretenden chegar a Europa...), revivimos o soño feito realidade de escoitar a Einaudi tocando o piano fronte a un inmenso glaciar... Pedro compartiu todas estas experiencias con nós, e revelounos un segredo: a fotografía é para él a chave que lle permite chegar ata esas historias e vidas que lle interesa contar. Historias que poucas veces saen nos medios masivos de comunicación. Dando voz aos que -case sempre- non teñen voz. Con –non poucas veces- riscos en moitos sentidos, pero satisfeito e convencido do que fai.


O mellor xeito de comprobar a pegada da visita de Pedro Armestre ao noso centro é recollendo as voces  e reflexións dos nosos alumnos/as, os principais destinatarios a quen Pedro quixo chegar coas mensaxes que ían dentro de cada historia compartida. Agradecemos tamén aquí a contribución de Álvaro López Greco (4ºESO), ca súa magnífica interpretación á guitarra, acompañando ás fotos realizadas por Pedro en Guatemala. Velaquí algunhas das vosas impresións:

“Grazas a todo o que nos contou podémonos facer unha idea mellor da situación real do mundo. Incluso me contaxiou as ansias de viaxar, de velo cos meus ollos e de poder axudalos a todos, a todas as persoas que sofren polo que sexa, porque queren cambiarlle as súas vidas estropeando unha preciosa cascada, porque viven nunha guerra, porque non teñen país, porque viven nun campamento con pouxos recursos.... demasiadas cousas para nomealas todas” (Laura Rodríguez, 3º)

“Sorprendeume e encantoume a absoluta convivencia que teñen algunha comunidades indíxenas coa natureza” (Ismael Fernández, 3º)


“O que máis me gustou da charla foi darme conta de que nas comunidades máis humildes están máis unidos ca nos, e penso que é algo que a nosa sociedade debería recuperar” (Helena Rivero, 3º)

“Pedro trasmitiunos a emoción de coñecer xente de todo o mundo e condicións. O que máis me chamou a atención foi a historia na que os indíxenas paraban o río, polo irreal que parecía e o serio que o contaba” (Lucas Pardo, 3º)

“Foi unha charla moi amena. Quedaríame sobre todo co consello final: que non deixemos de soñar” (Lucía Justo, 3º)

“Encantoume que nos transmitira a unidade, sinxeleza e forma de vida das distintas culturas coas que conviviu” (Sheila Prieto, 3º B)

“Ensinounos que nunca debemos rendirnos, que podemos facer cousas incribles a pesar dos obstáculos e que debemos respetar as demáis culturas” (Uxía Martínez, 3º)

“Encantoume a ilusión coa que contaba todo. Ademáis, fíxome darme conta de que as cousas que pasan polo mundo son moito peores do que nos intentan transmitir os medios de comunicación” (Paula Sanchoyerto, 3º)

“Aprendín que debemos axudar a quen o precisa e que hai xente que, aínda sen nada, son amables e dan o pouco que teñen” (Mirian, 3º)

“Sorprendeume a idea da “Gran pollada” xa que é unha forma de conseguir cousas axudándonos os uns aos outros” (Jason, Rosa 3º)

“O que máis me impactou foi a vídeo no que unha indíxena contaba o que sentiu o ver o primeiro grifo de auga potable” (Noelia Fernández, 3º)

“O que máis me chamou a atención foi o pobo no que non tiñan electricidade ata fai pouco” (Marcos Danta, 2º)

“Quedeime coa anécdota sobre a chica que perdeu a cámara e entre todos os amigos lle mercaron outra” (Enís, 2º)

“Dinme conta de que Pedro é un home que loitou polo que sempre lle gustou ata que o conseguiu. A anécdota que máis me gustou foi a da cascada e o feito de que lle tiveran que pedir permiso ás abellas” (María Álvarez, 2º)

“Gustoume a charla de Pedro porque foi diferente a outras, pasámolo moi ben. Aprendín que noutros países están máis en contacto coa natureza ca nós, e que a coidan e respetan” (Lorena Pérez, 3º)

“Chamáronme moito a atención as fotos das familias que tiveron que posar a presa porque non deixaban que se soupera cómo vivían” (Cristina Rivero, 2º)

“É un home moi loitador e que nunca se rinde” (Nanyeli, 1º)

“Chamoume a atención a solidaridade da xente dos países nos que estivo” (Cristina, 1º)

“Sorprendeume que alguén desta zona vivira aventuras tan incribles e tan lonxe” (Xosé, 4º)

“Gustoume moito o momento no que nos ensinou fotos de Guatemala e Álvaro tocaba a guitarra” (Brais e Vanesa, 1º)

“Gustoume cómo adaptou a charla para que a entendéramos” (Christopher Teixeira, 1º)

 “Gustoume o feito de que afirmara que ser fotógrafo é unha excusa para ir polo mundo descubrindo lugares extraordinarios”

“Explicounos moi ben o problema actual da sequía”

“Gustoume que fixera tempo para nós, a pesar de estar tan ocupado”

“Fíxome reflexionar moito a cerca de como se comporta a xente que apenas ten nada. O pouco que teñen compárteno” (Borja Salgado, 4º)

“Fixo que parecera que nos coñecíamos desde sempre. Paréceme incrible todos os lugares que visitou e todas as anécdotas e sucesos que lle ocorreron. A mín encantaríame ser como él e ver tanto mundo e coñecer a verdadeira situación do noso planeta” (Nerea Medeiros, 4º)

 “Foi unha das mellores charlas á que asistín desde o colexio (...) Encantoume o consello que nos deu: que nunca deixemos de soñar” (Tatiana Barja, 2º)


Infinitas grazas, Pedro, pola túa inesquecible aportación aos alumnos/as e toda a comunidade educativa do instituto Castro de Baronceli, do que xa formas parte. Queremos contribuír a facer realidade o que pediches: "Nunca deixedes de soñar...", e transmitir que debemos loitar sempre por facer realidade eses soños. Grazas por facer realidade os teus, e compartilos con nós no Baronceli, dando voz a esas historias que o mundo necesita coñecer para, como nos decías dende Vanuatu "...ver como aberracións os erros que hoxe cometemos, que os eviten e axuden a erradicalos...". Queremos que contes con nós, e nós contar contigo, para facelo realidade.



luns, 4 de decembro de 2017

VISÍTANOS PEDRO ARMESTRE!!!

Achégase a data... visítanos Pedro Armestre este 5 de decembro!!!

Ese día compartirá con nós moitas das súas experiencias, imaxes, anécdotas... e quixera coñecer algunhas das vosas inquedanzas e preguntas sobre o traballo que desenvolve e as causas ás que se adica.
  • Para poder facerlle chegar algunhas das vosas preguntas antes da súa visita, irémolas recollendo neste enlace: PREGUNTAS para Pedro Armestre (dicídellas aos profes ou enviade esas preguntas ao correo: normalizacioncastrobaronceli@gmail.com)
  • Nestre outro enlace tedes recollidos varios lugares web que mostran varios das seus últimos traballos públicos e colaboracións, visitádeos (tamén pola vosa conta): traballos recentes de Pedro Armestre.
  • Unha entrada anterior deste blog adicámola á Aula Pedro Armestre que inaguramos na Romaría das Letras Galegas do pasado maio. Recomendamosvos unha nova visita á presentación (recomendable descargala para vela completa cos enlaces) que recolle moitos dos campos e causas aos que se leva adicando na súa extensa e recoñecida traxectoria como fotógrafo profesional e fotoperiodista.
Xa non queda nada para a que ben seguro será unha xornada moi especial...

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO (CONCURSO DE "TUITS")

No mes de novembro convocamos no noso Baronceli unha nova edición do concurso de "tuits" contra a violencia sexista (concurso de carteis con frases e imaxes a nivel de centro, paralelo á posible participación a través da rede social Twitter no concurso lalinsenviolencia).

Nas datas próximas ao 25 de novembro (Día Mundial contra a Violencia de Xénero) expuxemos os carteis dos alumn@s participantes, rodeados por uns lazos pintados ca man pola nosa querida alumna Lucía (e a axuda das súas inestimables profes). Adolfo e Lucía puxeron o seu valioso gran de area para colocar os paneis cos lazos e os carteis.

E velaquí o resultado...PARABÉNS A TOD@S @S PARTICIPANTES!!!

 


Pronto presentaremos no blog os carteis gañadores do concurso. Os premios serán o de menos... o importante son as ideas que compartíchedes e, sobre todo, o tempo adicado a pensar e debater sobre este problema no que tod@s debemos aportar solucións... E, sobre todo, as novas xeracións: posuídes as chaves da sociedade do mañá.

domingo, 26 de novembro de 2017

"AS NEUTRINAS": GAÑADORAS NO CONCURSO DE ASTRONOMÍA NO GALICIENCIA 2017!!!


O Galiciencia 2017 tivo como temática neste ano a Astronomía. Por iso, neste certame convocou o concurso “Atrévete coa astronomía” que constaba de tres desafíos realizados ao longo do anterior curso 2016/2017. As alumnas Lorena Pérez, Laura Rodríguez e Paula Sanchoyerto (equipo "AS NEUTRINAS") de 3º ESO neste curso, animáronse a participar e, grazas a súa gran creatividade e capacidade de esforzo, chegaron xunto con outros dous grupos á final na súa categoría, celebrada o pasado 24 de Novembro no Parque Tecnolóxico (sede física do Galiciencia), onde se proclamaron campionas despois dunha serie de probas nas que demostraron a súa valía. NORABOA CAMPIOAS!!!
O resto da gran familia que  forma(mos) Baronceli, ao enterarse da noticia de que as nosas alumnas foran as gañadoras do concurso na mesma mañá en que visitamos o Galiciencia e celebrou a final , apuraron a facer un improvisado cartel de felicitación que acompañou ao caluroso recibimento (xa no comedor) ás compañeiras campioas. MIL PARABÉNS, SEGUIDE A DAR ALAS Á VOSA INICIATIVA E CREATIVIDADE!!!

A continuación podedes ver os magníficos vídeos que elaboraron para cada un dos tres desafíos:



VISITA A GALICIENCIA 2017


O venres 24 de novembro os/as alumnos/as de 3ºESO acudiron ó GALICIENCIA 2017 no Parque Tecnolóxico de Ourense. Este ano, ademáis de visitar esta sempre máis que recomendable feira científica e educativa, acompañábamos ás nosas alumnas Lorena Pérez, Laura Rodríguez e Paula Sanchoyerto (Equipo "As Neutrinas") á final do concurso "Atrévete coa Astronomía!" que tivo lugar esa mesma mañá nunha das instalacións do Galiciencia. E as nosas "Neutrinas" resultaron ser as gañadoras desa final, tras tres desafíos" superados no curso anterior e a fase final disputada alí!! MIL PARABÉNS POLA VOSA CREATIVIDADE, HABILIDADE E INICIATIVA!!!

Ademáis de celebrarse a final deste concurso sobre Astronomía (temática escollida este 2017 polo Galiciencia), todos os visitantes tivemos a oportunidade de asistir a unha atractiva charla sobre o coñecemento do Universo ao longo da historia, facendo un percorrido dende a antiga mitoloxía recollida nas constelacións e as súas lendas, ata os descurimentos máis modernos sobre galaxias, púlsars ou quásars. Sabíades que un fragmento do tamaño dunha area, pertencente a unha estrela de neutróns, tería tanta masa coma o maior dos avións que se teñen construído...?

Ademáis, puidemos asistir a un interesante obradoiro didáctico sobre Astronomía impartido por Manuel Vicente (dirixe o interesante programa radiofónico "Efervesciencia" -recomendable enlace e prgrama- que se emite todos domingos ás 15 h. na Radio Galega). Aprendimos un montón de cousas, como que hai un gran océano de auga líquida  agochado baixo a superficie conxelada dun dos satélites de Saturno... Cantos outros sorprendentes segredos agochará o cosmos? Seredes un/unha de vós, futuros científic@s, quenes os descubriredes e daredes a coñecer á humanidade?

E, como non, visitamos a "estrela" do Galiciencia: os proxectos científicos realizados e expostos por alumnos/as de ducias de centros de toda Galicia. Neste enlace de  Galiciencia poderedes ver os proxectos premiados e toda a información, fotos e vídeos relativa ao Galiciencia 2017 e ás anteriores edicións.

Non queremos deixar de felicitar a toda as persoas que organizan e apoian a celebración de Galiciencia ano tras ano, así como a todos os centros e grupos de alunmos/as participantes cos seus proxectos. E de novo, NORABOA ÁS NOSAS ALUMNAS LAURA, PAULA E LORENA, "NEUTRINAS" GAÑADORAS!!


domingo, 19 de novembro de 2017

CONFERENCIA DE SERAFÍN GONZÁLEZ (CSIC-SGHN) SOBRE OS LUMES

O venres 17 novembro de 2017 visitou o noso IES Castro de Baronceli o investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González Prieto, para impartir unha conferencia e posterior coloquio sobre a problemática dos incendios forestais, as súas causas, consecuencias e posibles actuacións.

A amable dispoñibilidade de Serafín visitado o noso centro brindounos unha ocasión privilexiada para ilustrarnos sobre este dramático problema, por parte de quen é investigador especializado en solos e divulgador científico, con máis de 60 artigos científicos publicados (23 deles centrados nos incendios forestais) así coma colaboracións en varias revistas e libros. Dende aquí o noso agradecemento pola oportunidade de escoitalo no centro, e tamén pola súa claridade e convicción, expoñendo un tema tan complexo dende unha posición científica obxectiva e coherente; posición que implica en moitos aspectos desmentir certas mensaxes que intoxican os medios de comunicación, e, consecuencia imprescindible, denunciar aquelas accións e estruturas que dende as administracións públicas e outras entidades non se dirixen á raíz dos problemas aos que se debería buscar solucións.


Sen pretender resumir nesta entrada toda a interesante conferencia e posterior coloquio, deixamos a continuación algunhas frases e ideas expostas por Serafín sobre os lumes na nosa terra:
  • "O noso monte non arde porque sexa ou conteña moito “combustible”. Arde porque alguén lle prende lume"
  • O 90%  dos lumes forestais son intencionados. Pero só o 0,1-0,2% da poboación os provoca.
  • Non é certo que haxa organización terrorista incendiaria. Dicilo é rotundamente falso, e só serve para “botar balóns fora” e eludir responsabilidades.

  • Cantos máis lumes, máis CO2; a máis CO2, máis cambio climático, o que conleva máis vagas de calor e menos precipitacións; esto facilitará máis vagas de lumes.


  • "Non todas as árbores arden por igual..." Nas peores condicións (maior facilidade para a propagación), o lume nos piñeiros exténdese un 20% máis rápido que nos carballos; no caso dos eucaliptos, un 50% máis rápido que nos carballos (nas mesmas condicións).
  • O fume dos incendios nós só é tóxico para os pulmóns pola entrada de gases e partículas tóxicas. Detectouse aumento na concentración de substancias canceríxenas no corpo dos brigadistas despois dunhas horas de traballo na extinción, que terían sido absorbidas a través da pel.
  • Os produtos retardantes  -polifosfatos amónicos- engadidos en ocasións para a extinción (dan cor vermella á auga botada) provocan nas áreas onde se utilizaron, pasado o tempo, importantes perxuízos (elevan moito os niveis de N e P no solo): entre outros, xenera un maior crecemento inicialmente das árbores, pero unha masiva morte temperá despois delas (as súas raíces medraron moi pouco) dificultando a reforestación desas áreas.
  • O solo é a base dos ecosistemas terrestres (flora, fauna, descompoñedores..,.). A súa perda tralos incendios,  debido ao arrastre do solo queimado nas pendentes pola auga de chuvia, é unha consecuencia gravísima e en non poucos casos irreversible.
  • Se na época dos Romanos se perderan 10 cm de solo, necesitaríamos todos os séculos que pasaron dende entón ata hoxe en día para que dito solo se rexenerase. Nos incendios quéimanse (e posteriormente son arrastrados) capas de solo de varios centímetros de espesor.

  • O solo cumpre tamén unha importante función retendo auga. No incendio de Camba onde se queimaron 1700 hectáreas, 4 anos despois, o solo retiña un 60% menos de auga, que son 18 litros de auga menos retidos por cada m2: en total, 306 millóns de litros de auga menos retidos polo solo só nesa área.
  • Cando o solo retén menos auga, aumentan as riadas na época de chuvias, e aumentan as secas nas épocas de maior calor e menores precipitacións.
  • Non é ético nin responsable permitir a caza nas zonas que non arderon, cando nesas zonas intenta refuxiarse parte da fauna que conseguiu salvarse fuxindo das zonas queimadas. Esta fauna posibilitará nun futuro a repoboación das zonas queimadas de onde fuxiron.
  • No gran incendio de Cualedro en 2015 queimáronse 3.180 hectáreas (equivalente a dúas veces a cidade de Vigo). O custo da súa extinción foi de entre 50.000 e 80.000 euros por cada hora de actuación.
  • O gasto en extinción de lumes en Galicia é de 170 millóns de euros por ano (uns 60 euros por habitante!).
  • É inconcibible a falta de inversión pública en campañas de concienciación contra o lume. As inversións -multimillonarias- céntranse só na extinción.
  • "Cada un de nós e vós pode e debe actuar. Ide e contade, nas vosas casas e vilas, todo esto que estamos falando"

Incluímos algúns enlaces de especial interés que Serafín nos convidou a visitar:
  • Fragmento de reportaxe na TVG con Serafín explicando diferentes graos de severidade do lume en diferentes zonas queimadas.
  • Excelente vídeo explicativo (breve e moi logrado) sobre a importancia do solo.
  • Intesante cómic que explica de forma moi amena o valor do noso solo.
  • En clave de humor, este pequeno episodio da miniserie da TVG "Era visto!" ("Arde sobre queimado": a partir do minuto 19 do vídeo) na que o guionista hábilmente incluiu -ca nosa característica retranca- varios aspectos da concienciación sobre os lumes no entorno dos protagonistas.
Mil grazas Serafín pola túa presencia no noso centro e pola túa verbas precisas e clarificadoras. Lembramos a parte final coa que remataches: cada un de nós pode e debe actuar... DIFUNDÁMOLO


MAGOSTO 2017

Co mes de novembro achégase unha das nosas celebracións tradicionais cun encanto especial, que nos reúne en torno ao lume e o arrecendo a castañas asándose: os nosos magostos.
Nas datas próximas a celebrar o magosto no noso Baronceli, os alumnos/as de 1º ESO elaboraron nas clases de Lingua Galega uns murais con banda deseñada alusivos ao outono, o magosto e o produto rei desta época do ano nos nosos soutos: as castañas. Neste enlace  podedes acceder a varias imaxes ampliadas dos murais. Parabéns polo voso bo traballo e creatividade!!


Ademáis da festa, a música, as castañas e o xantar compartido... tivemos tamén tempo para celebrar a Carreira Solidaria, colaborando con Save the Children na recaudación de fondos para proxectos de axuda ao desenvolvemento. Parabéns un ano máis pola vosa valiosa colaboración!!

No seguinte enlace podedes acceder ás fotos do MAGOSTO que celebramos o luns 13 de novembro no noso Baronceli.



 Nunca perdamos a ilusión por reunirnos e desfrutar das nosas festas e tradicións!!




DÍA DA CIENCIA EN GALEGO


O 4 de novembro celebrase o Día da Ciencia en Galego. Con este motivo, dende a asignatura de Física e Química, varios alumnos/as de 3º ESO buscaron información e elaboraron algúns murais, ilustrando a traxectoria de varios cientícos/as galegos destacados/as (e non sempre suficientemente coñecidos pola nosa sociedade en xeral e pola nosa comunidade educativa en particular)


Nos seguintes enlaces podedes acceder ás imaxes ampliadas de cada mural:

Difundamos e valoremos a Ciencia feita por galegos/as, tamén construída e comunicada a través do noso idioma. Parabéns polo traballo feito e o coñecemento obtido!! 

luns, 10 de xullo de 2017

OBRAS SELECCIONADAS NOS CONCURSOS LITERARIOS (Concello de Verín)

O Concello de Verín convocou, como en anos anteriores, o Certame de Relato Curto "Antonio Fernández Pérez" e o Certame de Poesía "Xosé Carlos Caneiro" (enlace ás  bases na web do concello), no que participan alumnos/as de todos os centros docentes da comarca de Verín, clasificados por categorías (5º e 6º de Primaria, 1º ciclo da ESO e 2º ciclo da ESO).

Tras a selección das obras participantes en cada centro, e o fallo do xurado en cada modalidade e categoría, o Día das Letras Galegas (17 de maio) tivo lugar o anuncio das obras premiadas e a entrega de premios no auditorio de Verín, ca presencia do escritor Xosé Carlos Caneiro (enlace a noticia en prensa ca entrega de premios, con foto de tod@s os premiad@s).


Ca chegada das vacacións, non queremos deixar de lembrar a boa ocasión que nos ofrece o verán para a LECTURA (calquer época e momento serán sempre bos). Que vos parece adicar un tempo saboroso a percorrer os relatos e poemas dos vosos compañeiros/as de instituto, seleccionados nos certames literarios? Ben seguro que vos prestarán...

PARABÉNS a todos/as os/as participantes, nunca deixedes de crer e seguir á vosa inspiración...!

1º ciclo ESO:

Uxía Martínez Barreal (relato "OPedaciño de Tea" )
Sheila Prieto Estévez (relato "Invisible")
Lucas Pardo Pardo (relato "O Val dos Insectos")

2º ciclo ESO:

Mª Luz Pascual Gallego ( poesía "Pobres ignorantes")
Carlos Villarino Pérez (relato "Non teñas pesadelos")
Alicia da Gloria Rúa (en breve actualizarase o relato)

CONCURSO FOTO-POEMA: exposición e premios


Na X Romaría das Letras Galegas deuse a coñecer o resultado do Concurso Foto-Poema convocado a finais do primeiro trimestre deste curso 2016/2017. Anteriormente foron expostas as fotografías e poemas participantes, tanto na categoría de alumnos/as (que foron as que concorreron aos premios) coma na categoría de profesores e persoal non docente (expuxéronse sen "competir" no concurso). Damos os parabéns a tod@s @s participantes, por permitirnos desfrutar a todos da vosa creatividade e aportación á exposición colectiva de foto-poemas.



E aquí temos o foto-poema gañador... PARABÉNS!!

1º PREMIO: Sheila Prieto Estévez (2ºB)
Poema:
"É noite pechada e chove miudiño.
Nas lousas de pedra,
ó longo da rúa
escura e deserta,
estoupan as pingas
que deitan as tellas"
(Ramón Cabanillas)
Fotografía:

Parabéns tamén aos participantes finalistas. Expoñemos algúns dos foto-poemas máis votados (no enlace ao final desta entrada tedes acceso a todas as fotografías e poemas participantes):

Lucas Pardo (2ºB):
Poema:
"Maila ó teu nome sonoro, 
eres regato e non río:
¡o teu caudal tan esguío
nunca encherá un encoro!"
(Manuel María)
Fotografía:


David González (1ºB):
Poema:
Fotografía:


Tatiana Barja (1ºA):
Poema (ilustrado):
Fotografía:


Xiana Feijoo (1ºA):
Poema adaptado (ilustrado):
Fotografía:


Paula Sanchoyerto (2ºB):
Poema:
Fotografía:


Estrella Rivero (3ºB):
Poema:
"Adiós ríos, adiós fontes,
adiós regatos pequenos..."
(Rosalía de Castro)
Fotografía:

Neste enlace tedes acceso a todas as fotografías participantes e os respectivos poemas enviados. A tod@s os que colaboráchedes, de novo PARABÉNS!